Isabel Rodríguez informa de que 1.350 familias lucenses cobraron en outubro o Ingreso Mínimo Vital

Imagen reunión INSS

12/11/2020

 A Seguridade Social abonou 1,2 millóns de euros aos beneficiarios desta prestación na provincia

 A subdelegada lembra que o Ingreso Mínimo Vital, creado o pasado verán polo Goberno, é un fito nas políticas sociais en España


A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, deu conta hoxe de que 1.350 familias da provincia cobraron no mes de outubro o Ingreso Mínimo Vital, unha prestación creada polo Ministerio de Inclusión e Seguridade Social, que supuxo un desembolso económico o mes pasado na provincia de 1.201.295 euros.

 

Isabel Rodríguez destacou que a creación do Ingreso Mínimo Vital é un dos fitos nas políticas sociais en España, unha importante iniciativa que forma parte do paquete de medidas sociais posto en práctica por este Goberno, que traballa no fortalecemento do Estado do benestar co obxectivo de  protexer as persoas en risco de exclusión, especialmente nun momento de crise económica xenerada pola pandemia do coronavirus.

 

A subdelegada tratou deste asunto esta mañá na reunión que mantivo co director provincial do Instituto Nacional da Seguridade Social e da Tesourería Xeral da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, con quen avaliou o traballo que se realiza desde este organismo.

 

Na xuntanza, a subdelegada e o director provincial da Seguridade Social tamén trataron sobre a atención ao público nas oficinas do INSS. Rodríguez Gude detallou que a provincia de Lugo é a que ten menor tempo de espera para a atención aos usuarios, xa que se está dando cita no mesmo día ou para o día seguinte.

 

Tamén pasaron revista ao estado das obras de mellora en oficinas da Seguridade Social da provincia. En canto á construcción do novo Centro de Atención e Información da Seguridade Social en Viveiro, os traballos marchan dacordo coa planificación prevista e estarán rematadas o ano que vén. En canto ao plan para a reforma que se executará no CAISS de Monforte, está previsto que nas próximas semanas se adxudique a redacción do proxecto de obra.